Xornadas de portas abertas na Piscina Climatizada de Verín
As instalacións da Piscina Climatizada de Verín programan, durante o mes de xuño, unhas xornadas de portas abertas co obxecto de amosarlle o funcionamento interno aos responsables e profesores de educación física de colexios e institutos da comarca de Verín; así como a alumnos/as dos mesmos, a través dunha clases práctica de natación.
Durante estas xornadas, que terán lugar de luns a xoves neste mes, os/as asistentes coñecerán as instalacións deportivas e os servizos que se ofertan nas mesmas, como son os cursos de natación -adultos, bebés, infantil e colectivos-, e os de body balance, pilates, spinning, aquagym, ximnasia de mantemento, zumba, aerostep e tonificación muscular (G.A.P.). Ademais, e no ámbito dos cursos de natación, explícase a oferta formativa específica destinadas aos centros educativos, e nos que xa participaron os CEIP Laureano Prieto de A Gudiña, Medeiros ou o colexio María Inmaculada, entre outros.
Nesta oferta formativa inclúese unha clase práctica con diferentes estilos de natación, técnicas de salvamento e primeiros auxilios para os/as alumnos/as de centros educativos da comarca, co obxecto de que o/a neno/a teña contacto coa auga para mellorar a súa habilidade motriz acuática e reforzando a súa personalidade e independencia. O primeiro centro que xa participou nestas xornadas foi o IES Castro de Baronceli (Queizás-Verín), que acudiu as instalacións deportivas nos últimos días.
Todos os centros interesados en participar nestas xornadas de portas abertas deben concertar a visita previamente co coordinador deportivo (Manuel Chaves) no teléfono 988-414184.











