Visita dos grupos do programa de dinamización de persoas maiores ao Centro de Día de Lousame

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLousame
A-
A+

O martes 18 de xuño ás 17:30h terá lugar a celebración da Xuntanza de fin de curso do alumnado dos Talleres de Memoria do Concello de Lousame, dentro do Programa de Dinamización de Persoas Maiores subvencionado pola Deputación Provincial de A Coruña.

No Taller de Memoria participaron máis de 60 persoas maiores repartidas en sete grupos nos locais sociais das parroquias de Lousame, onde se reuniron unha vez por semana para realizar actividades dirixidas a manter as capacidades cognitivas, previr o deterioro destas e relacionarse cos veciños e veciñas co fin de compartir experiencias comúns e evitar o illamento social.

Este ano a Xuntanza coa que se celebra o final do curso levarase a cabo nas instalacións do CENTRO DE DÍA de Lousame, coincidindo coa súa apertura. As persoas maiores realizarán unha visita guiada pola coordinadora do centro, durante a cal poderán coñecer os servizos que se prestan nel.

Tras a visita as persoas asistentes participarán nunha merenda degustación composta polos platos e postres aportados por elas. A xuntanza de maiores contará coa actuación do grupo de gaitas e panderetas “Canlebó” da Asociación Veciñal “A Gorgosa” de Camboño.

Antes de rematar o encontro a Alcaldesa Mª Teresa Villaverde Pais fará entrega dos diplomas a tódalas persoas maiores que participaron ao longo do curso nos Talleres de Memoria.

Dende o Concello anímase a tódalas persoas maiores de Lousame a participar na vindeira edición do Taller de Memoria, que dará comezo no outono.

17 de xuño de 2013 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.