Visita dos grupos do programa de dinamización de persoas maiores ao Centro de Día de Lousame

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLousame
A-
A+
Clausura do taller de memoria

Clausura do taller de memoria

O martes 18 de xuño ás 17:30h tivo lugar a celebración da Xuntanza de fin de curso do alumnado dos Talleres de Memoria do Concello de Lousame, dentro do Programa de Dinamización de Persoas Maiores subvencionado pola Deputación Provincial de A Coruña.

No Taller de Memoria participaron máis de 60 persoas maiores repartidas en sete grupos nos locais sociais das parroquias de Lousame, onde se reuniron unha vez por semana para realizar actividades dirixidas a manter as capacidades cognitivas, previr o deterioro destas e relacionarse cos veciños e veciñas co fin de compartir experiencias comúns e evitar o illamento social.

Este ano a Xuntanza coa que se celebrou o final do curso levouse a cabo nas instalacións do CENTRO DE DÍA de Lousame, coincidindo coa súa apertura. As persoas maiores realizaron unha visita guiada pola coordinadora do centro, durante a cal puideron coñecer os servizos que se prestan nel.

Tras a visita as persoas asistentes participaron nunha merenda degustación composta polos platos e postres aportados por elas. A xuntanza de maiores contou coa actuación do grupo de gaitas e panderetas “Canlebó” da Asociación Veciñal “A Gorgosa” de Camboño.

Antes de rematar o encontro a Alcaldesa Mª Teresa Villaverde Pais fixo entrega dos diplomas a tódalas persoas maiores que participaron ao longo do curso nos Talleres de Memoria, cunha mención especial a Josefa de Cruído e a Digna de Merelle, as máis veteranas da xuntanza.

Dende o Concello anímase a tódalas persoas maiores de Lousame a participar na vindeira edición do Taller de Memoria, que dará comezo no outono.

19 de xuño de 2013 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.