Vinteún artistas participan nos VIII Encontros coa Arte en Brión, dedicados a Roberto Vidal Bolaño

Artistas que participarán na homenaxe
O alcalde de Brión, Xosé Luís García, recibiu esta mañá aos 21 pintores que participarán durante esta fin de semana na oitava edición dos Encontros coa Arte, que están dedicados á figura de Roberto Vidal Bolaño. Xosé Luís García deu a benvida aos artistas e indicoulles que “a pesar de que estamos nuns tempos no que todo é recortar, en Brión seguimos pensando que a cultura é necesaria e seguiremos traballando para que iniciativas coma esta sigan medrando”.
Un punto no que coincidiu o técnico de Cultura, Alberte Álvarez, quen adiantou que “se o ano pasado colaboramos con Rianxo e este con Girona, para os próximos temos previsto colaboracións con outros municipios da contorna”. O comisario dos Encontros coa Arte, o pintor Xosé Vázquez Castro, agradeceu en nome dos artistas participantes a celebración deste tipo de iniciativas pois “a pesar dos recortes económicos, aos artistas non nos van recortar nunca a ilusión e as gañas de traballar”.
Neste sentido, Vázquez Castro lembrou o primeiro encontro realizado, dedicado a Rosalía de Castro, e asegurou que “seguimos traballando coa mesma ilusión”. Unha ilusión que este ano é maior xa que “é unha edición especial porque está dedicada a Vidal Bolaño, que foi veciño deste concello, que o merece e que considero que foi unha sorte para todos nós poder coñecelo”.
Homenaxe
Dentro dos actos de homenaxe a Roberto Vidal Bolaño, hoxe inaugurouse unha exposición no centro social polivalente de Brión composta por carteis de orixinais das montaxes teatrais de Vidal Bolaño, que foron cedidos polo Instituto de Secundaria de Brión. Esta noite, durante a inauguración da exposición de cadros cedidos polos artistas participantes na sétima edición dos Encontros, terá lugar unha nova homenaxe ao dramaturgo galego que contará coa presenza da súa viúva Belén Quintáns.
A delegación de artistas está composta por: Alba Roqueta, Beatriz Ansede, Chelo Rodriguez, Enrique Ochotorena, Frutos Casado De Lucas, Isabel Pintado, Jaime Galdeano, José A. Regidor, José Galarzo, José Manuel Nogueira, Laureano Vidal, Luis Romero, Maica Alonso, Manuel Méndez, María Manuela, María Xesús Díaz, Rafael Arroyo, Ricardo De Arce, Veiras Manteiga, Xosé Vázquez Castro e Xosé Vizoso.











