Vilagarcía proxecta cursos de aproveitamento dos recursos mariños e forestais para fomentar o emprego na mocidade
A Concellería de Xuventude e Voluntariado segue a promover iniciativas tendentes a tratar de paliar os niveis de paro entre a mocidade. Con este obxectivo, o departamento que dirixe Francisco González Mariño vén de solicitar financiamento para a realización do programa “Mellora das posibilidades de inserción laboral dos mozos a través do aproveitamento dos recursos mariños e forestais”. Trátase de dos cursos de formación dos que poderían beneficiarse 40 mozos e mozas de entre 16 e 30 anos con especial dificultade para acceder ao mercado laboral.
A Xunta de Goberno Local aprobou a solicitude de subvención de 24.000 euros a través da convocatoria realizada pola FEMP en colaboración co Injuve para a realización de actividades a desenvolver polas administracións locais en materia de xuventude durante o ano 2013. A achega que se solicita é á máxima á que pode optar Vilagarcía por atoparse no grupo de municipios de entre 20.000 e 50.000 habitantes.
Para mozos cun perfil de cualificación baixo
O programa deseñado pola Concellería persegue dous obxectivos principais. Por un lado, mellorar as posibilidades de inserción laboral da poboación xuvenil especialmente castigado polo desemprego por presentar un nivel de cualificación baixo. E por outro, aproveitar as potencialidades e os recursos dispoñibles na zona e que presentan grandes posibilidades como nichos de emprego para este colectivo.
Os cursos teñen como obxectivo proporcionar aos xóvenes unha formación específica nos campos do aproveitamento de recursos forestais e mariños de xeito que estean capacitados para a planificación, execución e control destes recursos. Tamén se persegue proporcionarlle aos alumnos os coñecementos, habilidades e recursos precisos para estimular o seu espírito de iniciativa, creatividade e posibilidades de autoemprego nestes sectores, especialmente a través de iniciativas xuvenís. O último obxectivo é o de de loitar contra a excusión social, mellorando as condicións de empregabilidade dos sectores máis desfavorecidos entre a mocidade, como os inmigrantes, minorías étnicas ou relixiosas e discapacitados.
Ámbalas dúas accións formativas teñen unha duración de 80 horas lectivas a impartir en 16 xornadas durante os meses de setembro, outubro e novembro. A formación teórica compleméntase coa realización de prácticas. Ademais, os alumnos recibirán formación complementaria relativa ao autoemprego e a técnicas de busca de emprego.
Aproveitamento de recursos forestais
Xuventude propuxo a realización do curso de Aproveitamento de recursos forestais pensando no fondo arraigo e a tradición que a cultura galega ten en relación ao aproveitamento do monte, práctica moi unida á propia identidade do territorio é a sociedade galega.
temario do curso de Aproveitamento de recursos forestais componse de cinco módulos específicos nos que se abordarán aspectos como a roza, a preparación de terreos con métodos manuais e mecánicos, os diferentes tipos de plantas e árbores, as técnicas de plantación, a utilización de abonos e herbicidas e as labores posteriores á plantación como as marras, rareos, clareos e podas. Estes coñecementos complétanse coas 20 horas de traballos prácticos e cos módulos relativos ao autoemprego e técnicas de busca de emprego.
Aproveitamento de recursos mariños
Vilagarcía, como o resto de municipios costeiros das Rías Baixas, vive do mar e cara ao mar. A pesca e a acuicultura, o turismo, os deportes náuticos, a paisaxe e a natureza son campos que contan cun enorme potencial de cara a creación de emprego. Esta é a motivación do curso deseñado pola Concellería de Cultura e que se estrutura nos módulos de Fundamentos de bioloxía mariña, aproveitamentos pesqueiros dos recursos mariños, , aproveitamento acuícola dos recursos, Os recursos mariños vivos.
Especial atención ás iniciativas de emprego
A Concellería de Xuventude e Voluntaria orientou a a meirande parte da súa actividade á promoción e desenvolvemento de iniciativas e programas tendentes a mellorar as posibilidades de emprego da mocidade co obxectivo de atender unha das principais demandas e necesidades de plantea este colectivo especialmente castigado polo paro. Nos últimos meses o departamento que dirixe Francisco González puxo en marcha diversas accións formativas de carácter práctico que contaron cunha excelente acollida por parte dos mozos. O último exemplo foi o curso de Hixiene Alimentaria para Manipuladores de Alimentos que facilitou aos alumnos a obtención do carné oficial de manipulador de alimentos que os acredita para traballar en supermercados, hostalería….











