Vilagarcía, Patrimonio e Augas de Galicia abordarán de forma conxunta as posibles solucións para a desembocadura do río Con
Concello, Patrimonio e Augas de Galicia abordarán de forma conxunta as posibles solucións que se lle pode dar á desembocadura do río do Con para reducir ó risco de inundacións e preservar o patrimonio local da ponte do arco de Vista Alegre. Esta foi unha das principais conclusións da reunión que o alcalde, Tomás Fole, mantivo este mediodía en Santiago co presidente de Augas de Galicia Francisco Menéndez para coñecer o estado dos proxectos que o ente autonómico está pendente de desenvolver en Vilagarcía e tratar de axilizar a súa tramitación.
Dada a implicación de tres organismos diferentes na problemática da desembocadura do Con, e como o alcalde ten solicitada unha xuntanza coa dirección xeral de Patrimonio para abordar o asunto, considerouse que Augas de Galicia tamén debería asistir ao encontro a efectos de abordar de forma conxunta as diferentes versións que manexan ámbolos dous departamentos autonómicos a efectos de intercambiar opinións e buscar unha solución que satisfaga ás tres partes. Deste xeito, axilizaríanse os trámites para determinar que tipo de actuación acometer. Fole comentou que mañá mesmo se porá en contacto de novo con Patrimonio para axilizar a cita.
Outro dos temas que levaba na súa axenda o rexedor e que reviste maior urxencia debido á época do ano na que nos atopamos é a eliminación do verquido da Praia da Concha. Menéndez comentou que dado que Adif está actuando na zona na canalización do regato de Guillán, Augas de Galicia está a coordinar co organismo estatal os traballos que, segundo as previsións, deberían comezar no prazo de quince días. As obras a realizar por Augas de Galicia pretenden acabar cunha conexión ilegal de fecais á rede de pluviais que fai desbordar o aliviadoiro situado fronte aos aseos da Concha cando se producen choivas intensas.
Esta actuación inclúese no plan de Saneamento Integral da Ría que, en relación a Vilagarcía, inclúe actuacións a curto, medio e longo prazo, presupostadas en 11 millóns de euros. O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, ten previsto vir a Vilagarcía proximamente para presentar o programa polo miúdo. O plan inclúe un estudo de incidencias que se rexistran na rede municipal e que precisan da realización de obras que, dependendo do seu custe ou situación, serán executadas polo Concello, a concesionaria do servizo de saneamento ou pola Xunta de Galicia. Por outro lado, o plan de saneamento inclúe outro estudo sobre problemas de maior calado, de tipo estrutural, que necesitarán dun investimento elevado e de actuacións complexas que serán asumidas pola administración autonómica e acometidas en diversas fases.
O último, aínda que non menos importante, asunto abordado na xuntanza de traballo foi o relativo ao desvío do regato soterrado que pasa por debaixo dun edificio na Rúa Rodrigo de Mendoza. Neste tema, o director de Augas de Galicia que a obra salirá a licitación “de xeito inminente”, entre esta semana e principios da seguinte polo que a previsión é que a obra se adxudique en outono, tendo en conta os prazos legais para a presentación de ofertas, apertura e estudio das plicas.











