Vilagarcía fomenta o galego no deporte cunha conferencia da campiona olímpica de vela, Sofía Toro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

Sofía Toro, a deportista galega que obtivo unha medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Londres 2012 na modalidade Match Race de vela, estará mañá en Vilagarcía para ofrecer unha conferencia organizada pola secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. A cita enmárcase no programa “Espello deportivo” e ten como obxectivo promover o uso do galego no deporte, para o cal se conta coa colaboración de destacados deportistas galegos.

A charla celebrarase ás 17:00 horas na sala de conferencias do Auditorio e a deportista de elite estará acompañada polo actor Rubén Riós, que exercerá como presentador e moderador da actividade. A conferencia está aberta a todo o público que desexe coñecer a experiencia desta importante deportista galega, pero especialmente aos integrantes das escolas dos clubs deportivos da cidade, xa que as vivencias de Toro poden resultar moi motivadoras para os deportistas das bases.

Sofía Toro contará en Vilagarcía a súa experiencia deportiva nos Xogos Olímpicos de Londres, nos que conseguiu unha medalla de ouro na categoría xunto coa súas compañeiras de tripulación Tamara Echegoyen e Ángela Pumariega. A regatista coruñesa contará como foron os seus principios no deporte, para o cal contará co apoio audiovisual dun vídeo biográfico que dará paso a un relatorio e posterior coloquio cons que os valores positivos do deporte irán parellos ao uso da lingua galega como ferramenta de comunicación e identidade.

Espello deportivo ten como principal obxectivo a de ligar o uso da lingua galega co deporte e os seus valores positivos, como o sacrificio, o afán de superación ou a disciplina. Para acadar este fin, preténdese prestixiar o uso do galego entre os máis novos a través do deporte, unha das actividades que está presentes a diario nas súas vidas. Por iso, para desenvolver este programa, a Secretaría de Política Lingüística conta con tres protagonistas de excepción do deporte de elite galego, a olímpica Sofía Toro e os paralímpicos Chano Rodríguez (natación) e Juan Antonio Saavedra (Tiro).

13 de xuño de 2013 | 12:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.