Vigo acolle un encontro transfronteirizo para a posta en valor do patrimonio marítimo entre Galicia e norte de Portugal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPontevedraProvinciasVigo
A-
A+

Vigo acollerá o vindeiro 27 de xuño un encontro transfronteirizo para a posta en valor do patrimonio marítimo entre Galicia e o norte de Portugal, co obxectivo de promover o dinamismo turístico e económico vencellado co mundo do mar e as poboacións costeiras.

Os actos terán lugar no Museo do Mar e incluirán a sinatura dun protocolo de colaboración da Rede Transfronteiriza de Valorización do Patrimonio, na que participan a Deputación de Pontevedra, o CETMAR, a Fundaçao Gil Eanes, CIM Alto Minho, o Municipio de Caminha e diversas entidades relacionadas coa cultura marítima.

A sinatura deste protocolo realizarase ás 19:00 horas e, deseguido, desenvolverase un foro para afondar na posta en valor e no establecemento de mecanismos de cooperación que permitan dar pulo e revalorizar o patrimonio marítimo nas dúas beiras do Miño.
Neste foro, que será moderado e presentado polo presidente da Deputación, Rafael Louzán, participará Nava Castro, directora xeral de Turismo da Xunta; Víctor Fernández González, da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia; Susana Rodríguez Carballo, directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro; Flamiano Gonçalves, vicepresidente do Municipio de Caminha; e un representante da Fundaçao Gil Eanes.

Potenciar o turismo marítimo

Os actos, que se desenvolverán no Museo do Mar de Vigo, forman parte do programa de cooperación transfronteiriza Proamare, que conta cun orzamento total de 862.000 euros, dos que o 75% provén de fondos europeos FEDER.

A finalidade é implantar unha estratexia que aproveite a cultura marítima de Galicia e o norte de Portugal para promover o desenvolvemento económico e turístico a ambas as beiras do Miño.

Deste xeito, entre as actividades que xa se están levando a cabo figura o programa de rehabilitación e mellora de embarcacións tradicionais da provincia de Pontevedra coa finalidade de destinalas a actividades turístico-culturais ou de musealización.

Entre as entidades que se están a beneficiar deste programa figuran 4 viguesas, a Asociación Sodináutica, a Asociación de Mariñeiros San Miguel de Bouzas, o Museo do Mar de Galicia, e a Asociación de Gameleiros Asodiña. A elas hai que sumar a Asociación Recreativa e Cultural Sueste de Moaña, o C.M. A Reiboa e a Asociación Amigos da Dorna Raxó, en Poio; a ACD Dorna, a ACDX Fasquia e a Asociación Cultural Komaira da Illa de Arousa; o Club Mariño Salnés e Asociación Calmoseira de Cambados; Amigos da Dorna Meca e o Concello do Grove, e a Asociación Amigos da Dorna de Portonovo, en Sanxenxo.

15 de xuño de 2013 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.