Vías e obras mellora o Camiño do Carbón e inicia o arranxo de diversas presas de regadío

Traballos de mellora
A concellaría de Vías e Obras, que dirixe Jesús Salgueiro, levou a cabo a mellora do Camiño do Carbón que une as parroquias de Peitieiros e Morgadáns.
O firme, moi deteriorado polas fortes chuvias do inverno, foi cuberto cunha capa de zahorra. A actuación, que responde á demanda dos veciños das devanditas parroquias, é de grande importancia xa que no camiño se sitúa un tramo da rede de saneamento que chega de Morgadáns. A adecuación desta zona facilitará á maquinaria encargada do mantemento da rede os seus labores de limpeza.
Arranxo de presas de regadío
Por outra parte, operarios do Concello están a acometer o arranxo de diversas presas nas parroquias de Gondomar. “Estaban en moi mal estado e tiñan moita maleza” sinala Salgueiro. O concelleiro subliña “a importancia da auga para a agricultura”, unha actividade que en época de crise volve ser retomada con forza polos veciños do municipio.
Ata o momento restauráronse catro presas de regadío, en colaboración coas distintas Comunidades de Montes das parroquias.











