Vangarda cultural na praza de España de Monforte
A praza de España de Monforte acollerá este sábado un espectáculo poético musical de vangarda. O grupo “Igmig” e o dúo “Aldaolado” achegarán a Monforte as súas propostas culturais, irreverentes e nada convencionais.
“Igmig” é un dúo vigués que leva desde o ano 2000 actuando por numerosos locais e festivais da xeografía galega. En Monforte presentarán “Shaishakarraskaishe” un espectáculo de música electrónica baseada nunha continua experimentación, con fundamentos no punk e á marxe de sons habituais.
Ig e Mig, integrantes deste dúo, convértense nunha prolongación de aparellos con sensores e micrófonos, sometidos ós caprichos das súas propias máquinas.
“Aldaolado” é un dúo formado por María Lado e Lucía Aldao, mulleres que nos seus espectáculos, cargados de humor e crítica, mesturan poesía, historias e cancións.
Aldaolado teñen ás súas costas un largo recorrido por todo tipo de salas galegas, deixando constancia do seu bo facer con espectáculos de título imaxinativo: “Con dous poemas por barba”, “Onde estea un cubata que se quite un soneto”, ou “Moita poesía pouca diversión”.
María e Lucía presentarán en Monforte o seu novo traballo “After, nin pasen nin vexan”, un espectáculo que como elas mesmas definen “non deixa indiferente a ninguén e emociona a aqueles que odian a poesía”.
Igmig e Aldaolado son dúas propostas diferentes e innovadoras que poderás escoitar e ver este sábado día 8 de xuño na praza de España de Monforte:
Aldaolado actuará ás 20:00 h. e Igmig faráo ás 23:00 h.
En caso de chuvia as actuacións trasladaranse ó salón de actos da Casa da Cultura, ó igual que sucederá co concerto da Orquestra de Saxos de Redondela que terá lugar este venres.











