Unha trintena de vendedores de produtos hortícolas e artesanais participarán no primeiro mercado tradicional “Lalín, compromiso de calidade”
O próximo 22 de xuño ponse en marcha na Praza da Igrexa -localización elixida polo seu emprazamento estratéxico- o Mercado Tradicional “Lalín, Compromiso de Calidade”, promovido polo Concello de Lalín, un certame no que se poderán comprar produtos hortícolas e de artesanía, que se celebrará en adiante cada semana, nunha feira sabatina, e cada trimestre, no que será o mercado trimestral correspondente a cada estación do ano.
O do vindeiro sábado será, como adiantou a concelleira de Actividade Económica, Comercio e Emprego, María José Batán, o mercado de San Xoán correspondente ao mercado trimestral de verán.
Batán concreta que “nel participarán unha trintena de vendedores, dos que o 90% son de Lalín e o resto de concellos como Rodeiro, Vila de Cruces, Antas de Ulla, Cerdedo, Barbadás, Pontevedra e Pontecesures”.
En canto á clasificación por tipo de produtos, 20 son de alimentación, entre os que destacan Lácteos Cima do Alle, Queixos Ovilaga, Queixos Artelac, Mel Pájaro, Mel O Testeiro, Hortiña da Praza, Hortícola Barbadás, Frutas Ángela, Panadería Bouzada, Pastelería e Licores Achacán, e outros produtores individuais. En canto ao apartado de alimentación cóntase así mesmo cunha churreira e dous pulpeiros.
Polo que respecta á artesanía, contaremos con 7 expositores entre os que destacan a Forxa de Acerodeza, a carpintería artística en pedra, a Artesanía Téxtil, os Xabóns Artesanais e os pequenos dulces artesanais, ademais de detalles para nenos.
Haberá talleres coordinados por monitoras dirixidos sobre todo á poboación máis nova, nos que se elaborarán orixinais traballos con materiais naturais ou reciclados. Os ditos talleres desenvolveranse pola mañá e tamén en horario de tarde, ademais da animación musical a través do grupo de gaitas “Os trasnos” de Doade, ao longo da xornada.
A cada vendedor entréganselle bolsas de papel reciclables correspondentes á campaña de comercio”, afirma. “Dado que este primeiro sábado é un mercado trimestral, o horario será todo o día, de 9.30 a 20.00 horas”, puntualiza. As feiras de cada semana terán horario de mañá.
Ás 12.00 horas terá lugar o acto de inauguración oficial do Mercado Tradicional. Asistirán ademais do alcalde de Lalín, José Crespo; da concelleira delegada, María José Batán; a directora xeral de Comercio, Sol María Vázquez, e o director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo, ademais doutros membros da Corporación. Partirán do punto do encontro KM0 e farán un percorrido visitando os distintos stands da feira. Haberá música do grupo de gaitas “Os trasnos” de Doade e ao remate unha exposición buffet con distintos produtos agroalimentarios.
Ao acto están convidados a AED, empresarios, comerciantes, representantes do Centro Comercial Aberto, as asociacións integrantes da Mesa Local do Comercio, da Asociación de Consumidores, asociacións veciñais, asociacións de mulleres, representantes do GDR, entre outros colectivos e asociacións. Ademais estase facendo buzoneo polos distintos establecementos e domicilios a fin de contar cunha destacada presenza de público neste primeiro mercado tradicional lalinense.
María José Batán explica que “continúa aberto o prazo para que vendedores se sumen a esta iniciativa que ten como obxectivo poñer en valor os recursos hortícolas e os produtos artesáns ao tempo que dinamizar o pobo; pretendemos que esta feira atraia público de moi diferentes sitios, non só de Lalín e Comarca, da provincia, senón tamén da área de influencia e mesmo de distintos puntos da xeografía galega”.
Batán precisou que “agardamos que este primeiro mercado teña unha boa acollida de público e a partir de aí iremos planificando os mercados semanais e orgnaizando os trimestrais”. “Ademais continuaremos no traballo de sensibilización da xente do rural para que participe e poña a venda os produtos agrícolas-gandeiros que teñan en excedente”, conclúe.











