Unha trintena de estudantes de secundaria do CPI Ponte Carreira visitan a exposición “Áreas mariñas protexidas”

Estudantes durante a visita
Un total de 32 alumnos e alumnas de secundaria do CPI Ponte Carreira (Frades) visitaron a exposición “Áreas Mariñas Protexidas”, elaborada polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) para sensibilizar aos visitantes sobre a importancia do mar e do litoral como patrimonio esgotable e recurso espiritual, cultural e económico. Unha exposición que se pode visitar no multiusos de Frades ata mañá venres 21 de xuño.
Os estudantes fradenses, que estiveron acompañados polo alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, coñeceron o papel das Áreas Mariñas Protexidas como eficaz estratexia de conservación do mar e do litoral a través dos distintos paneis informativos (estruturados en catro bloques: recursos do mar, problemáticas de conservación, a pesca en Galicia e as Áreas Mariñas Protexidas) e da proxección dun vídeo sobre o tema.
“Áreas Mariñas Protexidas” ten carácter itinerante e forma parte do Programa Amares para promover a explotación sostible dos recursos mariños, grazas a un acordo subscrito entre as Consellerías de Pesca e Asuntos Marítimos, a Consellería de Medio Ambiente e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.











