Unha delegación do Concello de Almada visita A Coruña para intercambiar experiencias e boas prácticas relacionadas coa accesibilidade

Recepción municipal
A concelleira de Tráfico e Mobilidade, Begoña Freire, recibiu hoxe unha delegación do Concello de Almada (Portugal) para intercambiar experiencias e boas prácticas, principalmente ligadas ao ámbito da accesibilidade. Durante esta tarde, a delegación do Concello de Almada, encabezada por Vereador Rui Jorge Martíns, técnicos da cámara e da empresa MPT, visitaron a cidade da Coruña, interesándose pola accesibilidade ao patrimonio, espazos públicos, transporte accesible, e novas tecnoloxías para a inclusión social.
A concelleira repasou o compromiso do Concello da Coruña incorporando a accesibilidade universal como principio inspirador da política municipal en todas as áreas de goberno: “A elaboración do Plan Municipal Integral de Accesibilidade; o importante investimento en renovación, modernización e humanización dos espazos públicos da nosa cidade; e a creación da Comisión Municipal de accesibilidade como órgano de representación e participación de entidades de discapacitados e persoas con mobilidade reducida, son mostras claras da aposta do goberno municipal por mellorar a calidade de vida de todos os veciños, favorecendo a igualdade de oportunidades e construíndo unha cidade accesible para todos”, sinalou.











