Un total de 62 persoas velarán pola seguridade dos bañistas en todas as praias da cidade durante tres meses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da área de Seguridade Ciudadana, informa que o servizo de socorrismo nas praias comezará o sábado 15 de xuño e se prolongará ata o 16 de setembro. En total contará con 62 persoas, seis máis que o ano pasado, que cubrirán as quendas de mañá e tarde para velar pola seguridade dos bañistas en todos os areais da cidade.

Ademais de incrementar o persoal, este ano potenciouse a formación, xa que todos os postos de socorro estarán atendidos por diplomados universitarios en enfermaría (DUE) e todas as persoas recibiron formación previa en primeiros auxilios e protocolos de actuación, así como capacitación de uso de desfibrilador.

Outra das novidades é que, co fin de facilitar a identificación dos socorristas, se potencia o uso de pezas de alta visibilidade e se incorporará ao vestiario un suadoiro amarelo para os días máis frescos. Ademais, cada socorrista levará unha placa identificativa co número profesional.

Todas estas novidades súmanse ás melloras introducidas xa o pasado ano, cando se comezaron a cubrir todas as praias (Riazor, Orzán, As Lapas, San Amaro, Santa Cristina e Oza) co mesmo horario de 11.00 a 21.00 horas, se ampliou nun 71% o número mínimo diario de socorristas e sanitarios con respecto a 2011 e se incrementou o número de días de servizo e os medios utilizados nos labores de salvamento. Isto permitiu reducir nun 20% as incidencias (1.066 incidencias, a maioría de carácter leve), grazas ao traballo de prevención levado a cabo polos socorristas.

Tamén se contará coa presenza permanente dun centro de coordinación na praia de Riazor que contará cun médico e un ATS; o servizo especial na Noite de San Juan; a repartición de pulseiras entre nenos e nenas; as visitas de vixilancia ás calas do ámbito de Adormideras e caixas de correo de suxestións en todos os areais.

Distribución por praias:
1 coordinador
– Praia de Riazor
5 socorristas (1 patrón)
1 condutor
1 médico
1 DUE
– Praia de Orzán -Matadoiro
6 socorristas
1 sanitario de primeiros auxilios
– Praia das Lapas
2 socorristas
1 sanitario de primeiros auxilios
– Praia de San Amaro
2 socorristas
1 sanitario de primeiros auxilios
– Praia de Oza
4 socorristas (1 patrón)
– Praia de Santa Cristina.
2 socorristas

Recursos humanos: 43 socorristas -9 deles diplomados en enfermaría -; 3 condutores de ambulancia; 2 administrativos; 2 encargados de loxística; 2 médicos; 8 patróns de embarcación de rescate; e 2 coordinadores.

13 de xuño de 2013 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.