Un total de 30 persoas remataron o obradoiro de emprego Ferrol verde que permitiu o acondicionamento de zonas verdes da cidade

Participantes no obradoiro
A concelleira de Emprego do Concello de Ferrol, Martina Aneiros Barros, visitou hoxe o Obradoiro de Emprego “Ferrol Verde” con motivo da clausura do mesmo. Un total de 30 persoas participaron nesta actividade formativa que a Administración municipal comezou o pasado mes de decembro en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia cun dobre obxectivo: mellorar a empregabilidade do alumnado e recuperar como zonas verdes espazos degradados no entorno do Ensanche A.
Este obradoiro de formación especializada en xardinería permitiu transformar en zonas verdes e axardinadas espazos da cidade como a parcela situada na rúa Venezuela que foi acondicionada polo alumnado. Este obradoiro, centrado na conservación e recuperación de espazos verdes do municipio, encaixa no proxecto de cidade Ferrol 2020 cuxo un dos seus eixes pasa por ter unha cidade máis limpa e verde. O investimento en “Ferrol Verde” ascende a 300.000 euros, dos cales a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia achega ao redor de 260.000 euros e o resto procede das arcas municipais.











