Un total de 2.181 mulleres participaron nos diferentes talleres ofertados no 2012-2013 en Ferrol
A Concellería de Igualdade, que dirixe Verónica Casal Míguez, informou esta mañá sobre os resultados das enquisas realizadas ás mulleres ferrolás participantes nos obradoiros da área de Igualdade do ano 2012-2013 para coñecer as súas suxestións de cara á realización da programación de actividades para a vindeira temporada. A edil ferrolá, ao igual que fixera en edicións de obradoiros anteriores, quixo contar coa opinión das actuais e futuras usuarias destas dependencias municipais, co obxectivo de ofertar unhas actividades acordes coas súas preferencias e gustos.
Un total de 555 mulleres ferrolás pertencentes aos diferentes obradoiros da liña de fomento do asociacionismo feminino responderon á enquisa que facilitou ao conxunto das usuarias a Concellería de Igualdade. Destas, 444 elixiron dúas ou máis opcións e 109 soamente unha. A sondaxe determinou que os seis talleres con maior demanda e que serán ofertados para o vindeiro curso 2013-2014 serán: informática, pilates, memoria, fotografía, cerámica e ioga. Ademais, os talleres seguirán coa descentralización o que permitirá realizalos en diferentes edificios municipais e asociacións de mulleres.
“Os resultados obtidos en canto á participación nas actividades de Igualdade son positivos grazas a que se fai unha programación á carta das preferencias das mulleres. Son elas as que opinan en qué cursos e actividades debemos empregar os recursos públicos e o noso compromiso como Goberno é facer aqueles obradoiros que teñen maior demanda” manifestou Verónica Casal. O perfil maioritario das usuarias é dunha idade media de entre 40 e 60 anos, pero os obradoiros non teñen límite de idade xa que as menores de idade poden participar coa debida autorización dos seus pais ou titores. “O intervalo de idade das usuarios comprende dende os 16 ao 89 anos”, matizou a edil ferrolá.
Incremento na participación
O número de mulleres participantes nos diferentes obradoiros ofertados pola Administración Local dentro da área de Igualdade durante o ano foi dun total de 2.181, das que 1.528 mulleres pertencen ás actividades da liña de fomento e consolidación do asociacionismo feminino; e as restantes participaron nos obradoiros de corresponsabilidade no intercambio de roles. “O incremento de mulleres inscritas con respecto a datos anteriores ao ano 2012 foi considerable, xa que no cuadrienio anterior o número era de 160 participantes nos obradoiros” , sinalou a edil de Igualdade.











