Un operativo de 28 persoas e dirixido por Bombeiros garantirá a seguridade no San Xoán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPontevedra
A-
A+

Os Bombeiros de Pontevedra serán os encargados de velar pola seguridade na noite de San Xoán no concello de Pontevedra. Para que todos os veciños gocen desta noite máxica nas mellores condicións de seguridade, os bombeiros da cidade en colaboración cos voluntarios de Protección Civil porán en marcha un operativo especial na noite de San Xoán. Este operativo estará coordinado polo xefe de Bombeiros, Manuel Torres que mantivo unha reunión operativa coa concelleira delegada do servizo, Carme da Silva, para ultimar todos os detalles.

Na noite de San Xoán traballarán 28 persoas: 16 bombeiros e 12 voluntarios de Protección Civil que serán distribuídos en 8 grupos para atender a outras tantas áreas nas que esta noite estará dividido o concello. Este dispositivo estará operativo dende a tarde até ás 02.00 horas, cando, segundo as previsións, queden de guardia 8 bombeiros no parque da Barca.

Pola tarde, os bombeiros farán traballos de prevención revisando a practica maioría das fogueiras previstas no concello, especialmente aquelas que os bombeiros entendan que poidan ter maiores riscos. E, dende as 23.30 horas, os oito equipos estarán distribuídos nas zonas que lle foron asignadas para controlar todo o territorio.

O número de fogueiras que poderán atender o servizo de seguridade dos bombeiros achegarase ás 130. Até o venres foran recibidas 123
comunicacións de outras tantas fogueiras no concello. Os bombeiros atenderán todas as comunicacións presentadas por rexistro no Concello, aínda que estiveran presentadas fóra de prazo. O ideal é a presentación no prazo estabrecido no bando para que os profesionais poidan traballar con tempo suficiente para configurar este complexo operativo de seguridade.

Até o venres as fogueiras presentadas foron: 18 no centro urbano; 20 en Marcón; Alba, 5; Canicouva,1; Bora, 8; Cerponzóns, 3; Campañó, 9; Lérez, 7; Lourizán, 10; Mourente, 15; Ponte Sampaio, 2; Salcedo, 10; Verducido, 4; Santa María de Xeve, 3; e Santo André de Xeve, 4.

22 de xuño de 2013 | 12:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.