Un grupo de nenos de Vilagarcía recibirán mañá o seu bautismo de mar a bordo da patrulleira Tabarca
Uns oitenta nenos e nenas de entre 7 e 10 anos realizarán mañá a súa primeira singradura marítima a bordo da patrulleira Tabarca. A embarcación da Armada Española participa deste xeito nos actos conmemorativos do Centenario do nacemento do Concello de Vilagarcía de Arousa tras a unión das localidades de Vilaxoán, Vilagarcía e Carril. Por iso, a patrulleira navegará fronte as costas dos tres pobos para ofrecer unha perspectiva diferente da Vilagarcía de hoxe en día.
Ademais de recibir o seu bautismo de mar nunha patrulleira da Armada, os participantes terán a oportunidade de coñecer a fisionomía da súa cidade dende o mar, unha vista pouco frecuente. Ademais, durante a travesía, os pasaxeiros poderán visitar o patrulleiro e a tripulación explicaralle como é a vida a bordo e as misións nas que participa a Tabarca.
A patrulleira atracará no peirao do Ramal o sábado 22 de xuño. Alí será onde embarcarán os grupos que se anotaron aos bautismos de mar. As inscricións superaron as 56 prazas ofertadas inicialmente, pero a Armada facilitou a ampliación dos grupos para dar cabida a todos os solicitantes. Ao longo da xornada realizaranse catro travesías de hora e media de duración. A nave zarpará ás 12 horas, 16:30, 18 e 19:30 horas. Os nenos embarcará sós, tendo que ir a recollelos ao mesmo punto os seus pais ou familiares, transcorrida a hora e media que dura a travesía.
Tamén está prevista a visita do alcalde, Tomás Fole, á nave da Armada Española. O rexedor será recibido polos mandos da Patrulleira antes da saída da primeira singradura, ás 12 do medidía.
A patrulleira Tabarca P-28 é un buque de 44,5 metros de eslora e 6,6 metros de manga. A súa base atópase na Escola Naval Militar de Marín e depende do Mando da Forza de Acción Marítima de Ferrol. A súa dotación componse de 27 persoas: 1 TN Comandante, 3 Oficiais, 4 Suboficiais, 6 Cabos primeiros, 4 Cabos e 9 Mariñeiros
Adestramentos e vixilancia nos caladeiros
As misións da Tabarca inclúen tanto actividades de adestramento como operacións reais. Estas consisten fundamentalmente na vixilancia da costa, caladeiros de pesca nacionais e da Zona Económica Exclusiva. Tamén colabora activamente coa Escola Naval Militar para o adestramento dos futuros Oficiais da Armada, así como con unidades especiais do Exército de Terra e da Armada.











