Un deseño de Carlos Pérez, gañador do Concurso de Carteis da XXV Festa do Pan de Neda

O xurado co cartaz gañador
Un deseño de Carlos Pérez López resultou o gañador da I edición do Concurso de Carteis da XXV Festa do Pan de Neda. Así o decidiu un xurado presidido polo alcalde, Ignacio Cabezón Lorenzo, e integrado tamén polo prestixioso pintor Carlos Barcón Collazo; por un membro de cada grupo político con representación no Concello –Montse Rico do PP e Angel García por parte do PSOE (IU non designou representante)- e un portavoz do sector panadeiro –Gonzalo Díaz Castro-. Todos eles, xunto ao secretario municipal, reuníronse esta mañá no salón de plenos da Casa do Concello. Todos eles valoraron os preto de 30 traballos presentados ao certame e, tras unha hora de xuntanza, adoptaron unha decisión por unanimidade. O deseño elixido permitirá publicitar a Festa do Pan nunha edición moi especial, na que cumpre o seu primeiro cuarto de século de vida. Así mesmo, e como premio, o gañador recibirá un cheque por valor de 300 euros. En todo caso, todos os traballos pasarán a formar parte dunha exposición colectiva que organizará a Concellería de Promoción Turística.
Neste contexto, Montse Rico lembrou que o Concurso de Carteis é unha das iniciativas que está a levar a cabo o Concello co ánimo de potenciar a Festa do Pan. Entre elas, a concelleira iniciaba ante a Xunta os trámites necesarios para solicitar a Declaración de Interese Turístico de Galicia para a festa, estreaba nova imaxe corporativa da cita e activaba unha campaña de adhesión de apoios á iniciativa entre hostelería e cidadanía en xeral, así como de promoción do producto. E nese contexto se encadra o concurso, unha acción máis para continuar poñendo en valor esta cita a través da participación cidadá.
En datas próximas o Concello convocará un acto para dar a coñecer o deseño xunto ao seu autor.











