Últimos días para inscribirse no Programa de Redución do Abandono Escolar da Concellaría de Educación
A Concellaría de Educación, que dirixe Paula Bouzós, porá en marcha durante os meses de xullo e agosto a Escola de Verán, un curso de reforzo escolar para mozos e mozas de ESO e Bacharelato do concello, no que se abordarán competencias básicas, dende a comunicación lingüística, o razoamento matemático ou o coñecemento e interacción co mundo natural ata as competencias sociais e cidadás, a cultural e artística e a autonomía e iniciativa persoal.
O programa desta Escola de Verán xira ao redor de actuacións encamiñadas ao reforzo escolar, con clases, realización de exercicios e sesión de estudos. Cada alumno contará cun plan personalizado en función das súas necesidades no que se abordará, tanto a recuperación de materias cara setembro en cursos de ESO e Bacharelato, como o reforzo en competencias básicas e a aprendizaxe de técnicas e hábitos saudables e eficaces de estudio.
Por outra banda, tamén se traballará, ademais a intelixencia emocional, as habilidades sociais e as técnicas e hábitos de estudo mediante dinámicas, xogos e actividades lúdicas.
O curso está dirixido a mozos e mozas de 3º, 4º da ESO e Bacharelato e ten carácter gratuíto. As clases impartiranse do 8 de xullo ao 6 de setembro. Todos os interesados poderán recoller e presentar a súa solicitude no Concello ata o 29 de xuño (incluído).











