Últimas prazas para os cursos de natación durante o mes de xullo
Co fin de cubrir a demanda que dende o Concello de Carral se está a detectar, a concellaría de deportes está a ofertar uns cursos de natación para nenos/ás de ata 15 anos. As datas previstas son do 1 ao 31 de xullo, no que os nenos poderán aprender ou perfeccionar as súas habilidades sobre a auga nas piscinas municipais exteriores.
Moitos dos rapaces xa inscritos acudiron en anos anteriores aos cursos organizados polo concello, polo que é de esperar que a maioría destes alumnos acudan a “perfeccionar” o seu estilo.
Os cursos organizaranse en grupos segundo as idades, e dentro de cada grupo estableceranse os niveis de iniciación e de perfeccionamento. Impartiranse en horario de mañá (pendentes de determinar ata coñecer o número exacto de inscritos) e por monitores especialistas na modalidade cunha duración de 45 minutos ao día (5 días á semana). O prezo do curso será de 28 €/alumno todo o mes.
Para todos aqueles interesados poderán informarse ou inscribirse na casa da Cultura de Carral, (tlfo. 981.67.25.80) ata o día 28 deste mes.











