Turismo de Ourense obtén o Premio á Mellor campaña en canles sociais no II Festival do Social Media de Galicia #mexilonsetuits

Premiados no Festival de Social Media
O Centro Social do Mar de Bueu acolleu, este domingo, a entrega dos premios da segunda edición do Festival do Social Media de Galicia. Preto de 200 persoas déronse cita para coñecer os gañadores das oito categorías a concurso de entre os máis de 100 proxectos presentados.
Un Festival no que a Concellería de Turismo de Ourense a través da empresa de Turismo, Ourentur conseguiu acadar o premio a mellor Campaña en Canles Sociais cos seus Sabores de Ourense, logrando imporse a os outros dous finalistas da categoría: Xente con Vida da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e “Algo está pasando en Mercedes Benz” para o Grupo Louzao.
Emilio Cuíñas, técnico de turismo na Concellería, subliñou que o premio ven a recoñecer o traballo feito nos últimos tres anos. “Sabores de Ourense é máis ca unha marca, un hastag ou unha campaña, é o proxecto continuado dunha iniciativa de promoción de Ourense como destino turístico baseada na oferta gastronómica. A estratexia planificouse a medio prazo para conseguir resultados en tres ámbitos distintos: A transcendencia no sector hostaleiro da cidade, a repercusión nos medios de comunicación off line locais e galegos e a xestión da marca Ourense cun obxectivo de notoriedade online e nas redes sociais.
II Festival Social Media de Galicia
A mañá arrancaba cos relatorios de Dani Martí e Adrián Rodríguez, que ilustraron aos asistentes sobre a súa experiencia como bloggers e experimentados profesionais do social media. Foi o aperitivo para o prato forte da xornada, que estivo conducida polo “larpeiro”, xornalista e presentador da TVG, Tomás Alonso, encargado de ir debullando as categorías a concurso.
Así, Elogia acadou o trofeo na Mellor Axencia; mentres que o gañador da categoría ao Mellor Video Viral foi para Rías Baixas Style. No caso das categorías dos blogs, o Mellor Blog Gastronómico foi para La Cocina de la Lechuza; Mellor Blog de Turismo foi para Vivir Galicia; Mellor Blog informativo/cultural recaeu en Vigo Low Cost; Mellor Blog Tecnolóxico foi para Mallando no Android e Fashion Low Cost alzouse co Mellor Blog de Moda. Todos eles conseguiron así o trofeo deseñado por José Cerviño para a ocasión, igual que o equipo de O Tempo da TVG, que obtiveron unha mención especial do xurado polo seu traballo de integración on line/off line.
O Social Media Galego volveu demostrar, a súa puxanza. O director do Festival, Francisco Graña, agradeceu o apoio das empresas e institucións colaboradoras así como o traballo do xurado, que tivo a difícil tarefa de designar gañadores, dada a calidade dos proxectos presentados a concurso. Un extremo no que tamén fixo fincapé Xosé Bangueses, presidente de FECIMO, entidade impulsora do festival, xunto co Concello de Bueu que tivo a súa representación na figura do seu rexedor, Felix Juncal, que foi o encargado de inaugurar oficialmente o festival.
Listado Gañadores:
1. Mellor axencia: Elogia
2. Mellor campaña en canles sociais: Turismo de Ourense
3. Mellor video viral: Rias Baixas Style
4. Mellor blog informativo/cultural: Vigo Low Cost
5. Mellor blog Tecnolóxico: Mallando no Android
6. Mellor blog turístico: Vivir Galicia
7. Mellor blog de moda: Fashion Low Cost
8. Mellor blog gastronómico: La Cocina de la Lechuza











