Tres meses para pasear en barca polo río Cabe, en Monforte de Lemos
A concelleira de cultura, Pilar López, informa que a partir das 18:00 horas do vindeiro luns día 1 de xullo, e ata que remate o mes de setembro, ofertaranse os paseos en barca polo río Cabe.
As barcas serán un atractivo máis da cidade do que poderán gozar veciños e visitantes durante os tres meses de verán.
Este ano a oferta de paseos en barca prolongarase durante todo o mes de setembro, ampliando en dúas semanas a data de remate que viña sendo habitual.
O club monfortino de piragüismo “Quixós” encargarase de xestionar esta actividade organizada polo Concello e que conta co patrocinio da Área de Cultura e Turismo da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo.
Os paseos poderán realizarse de luns a venres en horario de 18:00 a 22:00 horas, e as fins de semana e festivos de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas, ó igual que o ano pasado.
No embarcadoiro do Parque dos Condes poñeranse a disposición dos usuarios un total de oito barcas de propiedade municipal. O prezo de cada barca, por un paseo de trinta minutos de duración, será de 3,25 euros.
O ano pasado foi o primeiro no que os paseos en barca non ofertaron horario matinal de luns a venres e, a pesares desa redución, realizáronse 1.490 viaxes.
Os paseos en barca ofertáronse por vez primeira no verán do 2005, obtendo unha boa acollida entre cidadáns e visitantes.
A utilización das barcas incrementa ano tras ano, resultando moi positiva a súa evolución tal e como indican as cifras das viaxes realizadas:
2009: 1.033 viaxes
2010: 1.300 viaxes
2011: 1.625 viaxes
2012: 1.490 viaxes
O custo desta actividade, sufragado integramente pola Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, ascenderá este ano a 8.000 euros.











