Tres cociñeiros da ría protagonizan un showcooking con degustación na praza de abastos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

Tres restauradores da Ría de Arousa serán os protagonistas do show cooking que se celebrará o sábado a mediodía na Praza de Abastos de Vilagarcía. Trátase dunha actividade promovida polo Grupo de Acción Costeira dentro do programa “Come o Mar” e en cuxa organización colabora o Concello a través da Área de Mercados. Os cociñeiros elaborarán ante o público presente tres receitas a base de produtos no mar adquiridos na propia praza e despois haberá unha degustación dos mesmos aberta a todos os asistentes.

Os restauradores que intervirán na demostración son Miguel Mosteiro Díaz, xefe de cociña do IN9 e do restaurante Deleitarte, de Boiro; Luis Feijoo, xefe de cociña do restaurante Pampero, de Vilagarcía; e Alfonso Rial, cociñeiro do restaurante A Terraza de Chicolino, de A Pobra.

O primeiro dos pratos que prepararán o sábado no primeiro andar da Praza de Abastos terá como ingrediente principal as vieiras da ría. As outras dúas receitas faranse a base de peixe do día dispoñible na sala de abastos.

Con esta iniciativa, ademais de dinamizar a Praza de Abastos preténdese promocionar o consumo de pescados e mariscos da nosa ría. O show comezará ás 12 do mediodía e terá unha duración aproximada de hora e media na que os restauradores cociñarán en directo ante o público, explicando as receitas, comentando as características dos produtos e ofrecendo consellos e trucos para sacarlle o mellor rendemento a cada un deles. Ao remete, os asistentes poderán degustar os pratos preparados.

20 de xuño de 2013 | 13:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.