Tres centros de Nigrán recadan para o fondo de alimentos municipal máis de 1.300 euros
O rexedor municipal, Alberto Valverde, recibiu hoxe a alumnos de tres centros de Nigrán, o CEIP A Cruz, o CPI de Panxón e o Juan María, que se desprazaron até a Casa Consistorial para facer entrega de cheques agasallos de GADIS por valor de máis de 1.300 euros. O importe recadado polos máis de 300 alumnos na carreira solidaria celebrada o pasado mes de xaneiro con motivo do Día da Paz, destinarase ao Departamento de Servizos Sociais, que o empregará para nutrir de alimentos perecedoiros e non perecedoiros de longa duración o fondo municipal de alimentos.
Nesta iniciativa cada un dos participantes acudiu cun padriño, que ao facelo comprométese a doar o prezo previamente acordado entre eles por cada volta completada. “O diñeiro recadado destinarase a adquirir alimentos no supermercado GADIS para nutrir o fondo de alimentos municipal, para axudar ás persoas máis desprotexidas do municipio”, explicou Valverde.
Así mesmo, Valverde agradeceu a achega do tres centros e avanzou o interese do goberno municipal de coordinar unha acción destas características na que participen todos os centros do municipio. “A solidariedade é un valor incalculable para os nosos fillos, que desde pequenos deben educarse no importante que é dar apoio e colaboración ás persoas que máis o necesitan na nosa sociedade”, engadiu.











