Traballo promove o segundo obradoiro de emprego Vista Alegre para formar a 45 desempregados
A Área de Formación e Emprego da Concellería de Traballo e Benestar remitiu á Xunta de Galicia o seu novo proxecto de Obradoiro de Emprego co obxecto de acceder ás subvencións que permitan a súa posta en marcha a partir do vindeiro mes de setembro. A proposta ten como obxectivo beneficiar a 45 desempregados maiores de 18 anos que poderán ser contratados durante seis meses para recibir formación e facer práctica laborais nas especialidades de pintor, carpintería e xardinería mediante a realización de obras de interese socio comunitario para o Concello.
Para desenvolver o Obradoiro de Emprego Vista Alegre 2, o Concello precisa recibir a subvención solicitada á Consellería de Traballo e Benestar e que ascende a 398.036 euros. De concretarse a axuda, o Concello tería que aportar outros 12.300 euros con fondos propios.
O proxecto prevé a realización de diversas obras e traballos a realizar polos alumnos dos tres módulos durante a súa formación teórica. As actuacións recollidas son para a especialidade de carpintería e moble a elaboración e mantemento de mobiliarios para a revalorización dos espazos públicos naturais e urbanos. Os alumnos de Instalacións e mantemento de xardíns e zonas verdes ocuparanse da conservación e mellora dos parques e espazos públicos naturais; mentres que o persoal da especialidade de pintor terán que pintar diversos espazos públicos, tamén para a o seu acondicionamento e revalorización.
O programa de Obradoiro de Emprego configúrase como un programa mixto de formación e emprego, dirixido a mellorar as posibilidades de ocupación dos desempregados/as de dezaoito ou máis anos de idade, mediante a realización de obras ou servizos de interese xeral e social que posibiliten ao alumnado- traballador a realización dun traballo efectivo que xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co dito traballo, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa inserción laboral.
Formación complementaria e asesoramento profesional
No proxecto os alumnos recibirán formación complementaria como sensibilización medio ambiental, alfabetización informática, sensibilización en igualdade e formación en materia de prevención de riscos laborais, correspondente á ocupación que se vai desempeñar. Tamén recibirán orientación, asesoramento e información profesional e formación empresarial durante todo o proceso formativo.
Poderán ser beneficiarios deste programa aquelas persoas que, estando desempregados e inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia, teñan unha idade igual ou superior aos dezaoito anos e que cumpran cos requisitos establecidos na normativa reguladora do contrato para a formación e aprendizaxe.
A entidade promotora procurará a inserción laboral de polo menos o 10% das persoas desempregadas participantes no proxecto.
A solicitude de subvención preséntase cando está a piques de rematar o Obradoiro de Emprego Vista Alegre 1, que se desenvolveu nos últimos 6 meses e no que recibiron formación teórica e práctica un total de 32 alumnos e 8 monitores distribuídos nos módulos de Conservación mellora de espazos forestais e silvícolas, Atención socio sanitaria e axuda a domicilio e Dinamización socio cultural relacionada co Centenario de Vilagarcía. Nese caso, o Obradoiro estaba dirixido a desempregados de máis de 25 anos.











