Traballadores e residentes poden solicitar xa o pase para acceder ás rúas do centro e Laxás durante o Festival

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOrtigueira
A-
A+

Comeza a planificación do operativo de tráfico de cara ao Festival Ortigueira 2013. Como sempre, e para garantir a seguridade e fluidez do tráfico, a celebración do certame implicará restricións na circulación en diversas rúas do centro urbano da Vila, así como nos viais que levan a Laxás, sendo necesario para circular por eles o correspondente pase, que se tramita dende hoxe.

Dentro do núcleo urbano, quedará restrinxido o tráfico entre o 8 e o 15 de xullo de vehículos dende a Estrada Xeral cara ás rúas As Pontes, Eugenio López, Reverendo José Buide- é dicir ás que baixan ás inmediacións da casa do concello dende a estrada xeral, así como á Avenida Juan Luis Pía (a que dá servizo ás estacións de FEVE e autobuses) e o acceso ao lugar de Laxás. En definitiva, repítese o esquema de anos anteriores.

Como en anos anteriores, co obxectivo de evitar molestias e axilizar os trámites, o concello renovará automaticamente o permiso aos que tivesen pase na pasada edición e que non cambiasen nin de domicilio nin de vehículo.

Aqueles residentes que teñan que utilizar os viais afectados para chegar ás súas vivendas e que incumpran os requisitos que se acaban de sinalar, ademais dos que precisen acceder por motivos de traballo ou de repartición a estas vías deberán solicitalo canto antes, cubrindo o impreso que poderán recoller e entregar no posto da Policía Local, localizado na Casa Consistorial.

O prazo de entrega concluirá o 21 de xuño. E, con carácter xeral, os pases recolleranse persoalmente na Oficina de Turismo (A Lagarea) a partir do 25 de xuño.

3 de xuño de 2013 | 13:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.