Tomiño inaugura este venres as obras de reforma da antiga escola indiana “Unión del Porvenir”
O Concello de Tomiño inaugurará o vindeiro venres, 28 de xuño, ás 21.00 horas, as obras de reforma e ampliación do edificio da antiga Escola Unión del Porvenir, situada entre as parroquias de Piñeiro e Taborda. Despois de trinta e cinco anos de abandono, esta inauguración faise coincidir co oitenta e dous aniversario da primeira inauguración do edificio, celebrada o día 28 de xuño de 1931.
Segundo o goberno local, impulsor do proxecto, “o obxectivo foi recuperar este emblemático edificio, construído con fondos procedentes da emigración, para uso e disfrute dos veciños e veciñas de Piñeiro e Taborda, e para que simbolice ademais a unión das dúas parroquias”.
Deste xeito, o Concello organiza unha exposición conmemorativa sobre arquitectura indiana, historia da emigración e do propio inmoble. Asemade, estase a preparar un audiovisual que se presentará o día da inauguración.
A reforma da antiga escola indiana, consta de dúas plantas, duns 178 m2 cada unha, máis terraza. A planta baixa albergará unha cafetería, oficinas e ascensor, e a alta, un salón de actos, sala de ordenadores, almacén, etc.
O investimento realizado ascendeu a 500.000 euros procedentes da Consellería de Traballo (Obradoiro de Emprego) e 150.000 que aportou o Concello.
Primeiro Serán
As mancomunidades de montes e asociacións de Piñeiro e Taborda, organizan pola súa banda, coa colaboración do Concello, o I Serán da Unión do Porvenir, o sábado 29 de xuño. Ás 17.00 horas haberá xogos populares, e a partir das 21.00 comezará o propio serán.











