Tomiño asina un convenio coa Universidade de Vigo que lle permitirá avanzar na posta en valor do río Miño e do patrimonio arqueolóxico

Sinatura do convenio
Este medio día asinouse un convenio marco entre o Concello de Tomiño e a Universidade de Vigo, que permitirá ao goberno local avanzar en tres ámbitos de importancia para a veciñanza tomiñesa, como son o saneamento, a posta en valor do río Miño e do patrimonio histórico e arqueolóxico. Á sinatura do convenio, tamén asistiu o comisionado de Plans Estratéxicos da Universidade de Vigo, Xavier Martínez Cobas.
Segundo explicaron o reitor e a alcaldesa en rolda de prensa, este acordo posibilitará traballar en temas concretos que lle interesan ao Concello, co aval e coñecementos dos investigadores universitarios. “Para nós, é un honor contar coa posibilidade de asinar este convenio e aproveitar a capacidade dos nosos investigadores”, sinalou Sandra González. Pola súa banda, Salustiano Mato, comentou que este tipo de accións encádranse na “vocación da Universidade de achegarnos e mesturarnos cos concellos de Galicia, de forma que as capacidades que temos, incidan no noso territorio e nos nosos cidadáns”.
O instrumento de colaboración aplicarase en tres ámbitos diferentes, de especial interese para o municipio tomiñés. En primeiro lugar, a posta en valor do río Miño, a través de actuacións que melloren as contornas naturais, defensa e conservación do patrimonio natural (creación de percorridos fluviais, zonas de lecer, facilitar o acceso a zonas de interese medioambiental, etc.). “Imos pensar como actuar para protexer, conservar e disfrutar do río, dunha forma sostible”, comentou Mato.
En segundo lugar, a cooperación entre Universidade e Concello, orientarase á busca de solucións en temas de saneamento, tendo en conta que Tomiño é un municipio de grande extensión e dispersión da poboación, no que existen núcleos rurais moi afastados, que aínda non contan con este servizo municipal. Neste eido, estudiarase a aplicación de tecnoloxías alternativas eficientes e máis económicas que os sistemas tradicionais.
Por último, o convenio permitirá á Universidade de Vigo colaborar co Concello de Tomiño en aspectos do patrimonio histórico, brindando asesoramento científico, estudo, recuperación e posta en valor de espazos arqueolóxicos de interese, como a necrópole romana da parroquia de Currás, na que a través de catas e xeoradares e outras técnicas, valorarase o estado do xacemento, dando pistas de como actuar en futuras iniciativas. O catedrático de Historia, Fermín Pérez Losada, será o encargado de dirixir as tarefas de excavación.
Ambos mandatarios indicaron que os proxectos froito desta colaboración presentaranse a convocatorias de programas europeos, co fin de conseguir levar á práctica os estudos realizados polos investigadores.











