Termalismo e infraestruturas centran a primeira visita institucional dun presidente da Deputación de Ourense á entidade local menor de Berán
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou hoxe Berán, na primeira visita oficial dun presidente provincial á única entidade local menor coa que conta a provincia de Ourense. Manuel Baltar reuniuse con José María Doval Mateo, presidente da entidade local menor, e na xuntanza concordaron abrir liñas de cooperación institucionais entre a Deputación de Ourense e Berán, entre as que destaca que a Deputación colaborará nos gastos correntes da entidade local menor e estudará diversos proxectos relacionados con melloras en infraestruturas da contorna e de estradas de titularidade provincial.
Na reunión, Baltar e Doval valoraron a posibilidade de incluír á entidade local menor de Berán como beneficiaria dos plans provinciais de obras e servizos da Deputación de Ourense a partir do ano 2014. Asemade, Manuel Baltar, visitou as instalacións balnearias de Berán —o balneario novo e o vello—, destacando que sobre o balneario novo “ábrese un novo escenario por mor dunha sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que avala a legalidade dos accesos ao novo balneario, cuestión que posibilita que se poidan sacar a concesión estas instalacións, o que repercutirá favorablemente na economía local de Berán, do Concello de Leiro e da comarca do Ribeiro”, explicou Manuel Baltar. Esta actuación verase contemplada de forma preferente no Plan provincial estratéxico de Termalismo que elaborará a Xunta de Galicia en colaboración coa Deputación de Ourense.











