Teo solicita unha subvención de 40.000 euros á Xunta para arranxar o camiño entre Pontevea e A Burga
O grupo de goberno teense acordou solicitar unha subvención de por un importe de 32.000 euros para arranxar o camiño peonil cara a Burga, que o pasado 12 de abril desapareceu literalmente nun tramo de máis de 20 metros e dende entón está inutilizado. O acceso ó espazo natural da Burga (Reis) está garantido tanto a pé como en coche por outra vía.
Neste momento dende o Concello tramítase a subvención da Consellería de Presidencia do Fondo de Compensación Ambiental, publicada no DOG do 16 de maio. Segundo explica Rafael Sisto, concelleiro de Infraestruturas, “aínda que esta axuda se pedía para outros temas municipais tamén moi necesarios coma a dotación de Protección Civil, neste exercicio acordamos solicitala para o arranxo desta estrada, xa que se trata dun forte investimento que non se pode asumir integramente con fondos propios”.
A primeiros de abril as fortes choivas e a cantidade de caudal do río Ulla levou por diante un treito de máis de 20 metros dunha vía de comunicación entre o núcleo de Pontevea e a Burga. A primeiros de maio o alcalde de Teo, Martiño Noriega, enviáballe un escrito ao Conselleiro de Medio Ambiente, e ó director de Augas de Galicia no que se explicaba a situación ademais de pedir colaboración económica da Xunta. Nese escrito tamén se convidaba ó Conselleiro Agustín Hernández a visitar a zona afectada. Cabe destacar que esta comunicación dende a alcaldía non tivo ningún tipo de resposta por parte da administración autonómica.
Solícitase agora unha axuda en réxime de concorrencia competitiva no convencemento da urxencia da obra que está orzamentada en 40.000 euros, e para a que se solicitan 23.000 euros . Os servizos técnicos realizaron unha memoria valorada na que se establece que a solución técnica máis eficaz e asumible económicamente pasar por repoñer o camiño. Os traballos técnicos, cun prazo de execución previsto dun mes, contemplan unha escavación inicial para a continuación facer un recheo con bloques de pedra granítica. Enriba dese recheo volveríase a asfaltar. No orzamento da obra tamén se contempla a reposición dunha baranda e dunha luminaria.
A paraxe da Burga, no lugar de Xermeade, conta cun manantial de augas sulfurosas que foi empregada polos veciños dende tempos inmemoriais. Dende o ano 2001, que se realizou a concentración parcelaria na parroquia de Reis, a finca da Burga pasou a ser de titularidade municipal. Nos últimos anos fixéronse varias actuacións no entorno e nos accesos a esta zona na beira do río Ulla.











