Teo celebra a noite de San Xoán con case 200 cacharelas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalTeo
A-
A+

O Concello de Teo celebrará a noite de San Xoán, do 23 ó 24 de xuño, con case 200 cacharelas previstas en todo o termo municipal. Estes son os datos extraídos das solicitudes tramitados diante do departamento de Medio Ambiente municipal, que foron 198. A pesares de ser festivo este ano o 24, en Teo non se notou un incremento de solicitudes que se veñen mantendo nos últimos anos ó redor das 200.

Aínda que a maioría das fogueiras serán organizadas por particulares, no Concello tamén hai varias cacharelas preparadas por comisións de festas ou asociacións de veciños. Destacan a que arderá en Calo que ademais sirve de pistoletazo de saída para as festas patronais da parroquia ou a dos Tilos onde tamén celebran as festas de San Xoán.

Dende a área de Medio Ambiente lémbranse as precaucións que se deben ter en conta para que a noite discurra sen problemas. Entre as normas de seguridade a ter en conta destacan que o volume da fogueira non debe superar os 8 metros de perímetro e os 3 metros de altura; que a separación entre o lume e os edificios e árbores debe ser polo menos de 12 metros; que se prohibe a queima de plásticos, aceites, etc. e que unha vez rematada a cacharela debe revisarse que o lume queda totalmente apagado e no prazo máximo de 48 horas hai que retirar todos os restos da celebración. 

22 de xuño de 2013 | 13:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.