Teatro para a noite do solsticio en San Sadurniño
Para uns esta fin de semana é a do San Xoán, e para outros a celebración do cambio da primavera para o verán. Meteogalicia dí que o tempo empeza a mellorar e que a noite do 23 ao 24, ademais de máxica, tamén vai estar boa. Varias entidades do concello organizaron eventos co gallo desta celebración. En Igrexafeita e no Camiño Arriba, ademais, contarán con cadansúa actuación teatral dentro do programa de descentralización de actividades culturais emprendido polo Concello.
No local social do Camiño Arriba a compañía Bucanero presentará este sábado á tardiña -a iso das 21.30h- a súa obra De película. Toda unha primicia na que Pedro Picos, Xose Bonome e Marián Rei lle poñen o seu toque humorístico aos mitos do cine de todos os tempos. É unha comedia para maiores de 12 anos da que xa se puido ver un pequeno adianto na casa da Cultura co gallo das Letras Galegas.
A entrada é gratuíta, posto que se trata dunha obra contratada polo Concello co ánimo de que percorra todas as parroquias de San Sadurniño ao longo deste 2013. O mesmo ocorre con A historia de Brancaflor, que se representará o domingo a partir das 20.30 h. no local da asociación veciñal Adiante, en Igrexafeita, co gallo da celebración do San Xoán. Neste caso é unha obra pensada para os máis pequenos. Dirixida polo premio María Casares Avelino González, a obra mostrará a través de xogos e maxia de que maneira elixe Brancaflor o seu amado entre 11 pretendentes.
As entidades que queiran programar algunha destas obras -ou as dúas- deben comunicarllo ao departamento de Cultura para reservar datas antes do remate do ano.
Ollo co lume
As fogueiras de benvida ao verán hai que telas ben controladas. Aínda que non o pareza, oficialmente estamos en época de máximo risco de incendios e só se permite facer lume fóra -previa comunicación ao Concello- na noite do 23 ao 24. Para que non haxa sorpresas desagradables, aí van uns cantos consellos útiles:
1. Non deben facerse fogueiras dunha altura elevada
2. Non debe facerse a fogueira preto de lugares con vexetación
3. Non está permitido prender a fogueira se existe un exceso de vento
4. Cómpre evitar usar nas fogueiras materiais que co vento poidan provocar un incendio nas proximidades (pólas de eucalipto, papeis…)
5. É necesario ter auga preto para actuar ante posibles escapes
6. Non se permiten empregar na fogueira materias contaminantes (pneumáticos, aerosois…)
7. Cómpre deixar a fogueira completamente apagada antes de marchar
8. En caso de haber algún problema hai que chamar ós teléfonos 085 ou 112 (a chamada é gratuíta)











