Sidra de pera, xalea de pétalos de violeta ou queixo con chourizo celta no interior, entre as 60 innovacións alimentarias de Salimat

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia-
A-
A+
Alinova no Salón Salimat

Alinova no Salón Salimat

Máis de 60 novidosos produtos, un 50% máis que na pasada edición, estarán presentes en Alinova, o espazo dedicado ás innovacións alimentarias do 17º Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat 2013. Este certame celebrarase de forma paralela á Semana Verde de Galicia do 13  ao 16 de xuño no recinto Feira Internacional de Galicia.

Esta área diferenciada, que se poderá ver durante todos os días do salón, suporá unha oportunidade de negocio para os expositores, xa que lles permitirá destacar  as súas novidades tanto ante os profesionais do sector como do consumidor final. Nela serán máis dunha trintena as empresas que amosarán produtos exclusivos producidos nas súas instalacións e lanzados ao mercado no último ano.

Serán moitos os produtos doces presentes nesta exposición, entre eles, xalea de café ou de  pétalos de violeta; confitura de cebola con setas, preparados en po para engadir auga e obter pudin, natillas ou sobremesas espumosas sen azucre, e diversas marmeladas ecolóxicas.

Os alimentos lácteos tamén teñen protagonismo, podéndose ver queixo con chourizo celta no interior, con allo e perexil ou unha variedade de curado e relado con augardente e aceite de oliva.Tamén destacarán as bebidas, como sidra de pera, cervexa celta, licor de hidromel, augardente envellecida en barrica de carballo durante 18 anos ou novos viños ecolóxicos.

Entre os cárnicos estarán presentes xamón ecolóxico ibérico puro de landra ou crema de untar elaborada con magro de poldro, fariña de castaña e aceite de oliva virxe; mentres que entre os aceites poderanse ver novas presentacións en cántaros de cerámica e novidosos aceites ecolóxicos.

Puré de pataca en po, salsa bechamel ou de tomate deshidratadas, améndoa salgada con pementón picante ecolóxico, lamprea afumada rechea de ovo cocido e xamón serrano, lacón con grelos en conserva ou pan con fariña e lévedo ecolóxicos e auga libre de cloro, completarán esta novidosa mostra presente en Alinova.

9 de xuño de 2013 | 10:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.