Servizos Sociais de Vilagarcía ofrece unha conferencia aberta para coidadores de persoas con Alzheimer
A Área de Servizos Sociais do Concello organiza en colaboración coa empresa con cesionaria do Servizo de Axuda no Fogar unha actividade aberta a toda a poboación do municipio e que está especialmente dirixida a coidadores habituais de persoas que sofren alzheimer. A conferencia celebrarase este xoves, 27 de xuño, no seminario número 1 do Auditorio a partir das 19:30 horas.
A charla será impartida pola psicóloga da concesionaria, Clece, Lidia María Tejada Vázquez e leva por título “Alzheimer: Coidemos ao coidador”. Baixo este epígrafe, a experta tratará temas de especial relevancia para aquelas persoas que teñen ao seu coidado a enfermos de alzheimer en diferentes graos. Ofreceráselles información sobre a enfermidade, como detectala precozmente a través de síntomas incipientes ou como evoluciona a afección. Na sesión tamén se abordarán aspectos máis prácticos que afectan á vida cotiá tanto do enfermo como do coidador propoñendo consellos sobre como afrontar os problemas do día a día, coo actuar en situacións difíciles ou actividades que axudan a ocupar o tempo libre do paciente e que lle poden resultar útiles para atrasar a evolución da enfermidade. Xa dun xeito máis técnico, tamén se tocarán aspectos como os tratamentos actuais que se están dando e tamén sobre os recursos socio sanitarios dispoñibles.
Actividades complementarias previstas no contrato
Esta conferencia enmárcase no programa de actividades complementarias que a Concellería de Traballo e Benestar, a través da súa Área de Servizos Sociais, incluíu como unha das cláusulas do contrato do servizo de Axuda no Fogar a cumprir pola concesionaria. Con elo, o departamento que dirixe Elena Suárez, pretende que o servizo non se limite aos usuarios do mesmo, senón que toda a poboación poida beneficiarse de temas de interese, como este do alzheimer, sexan ou non beneficiarios do programa de Axuda no Fogar.











