Servizos Sociais de Cervo inaugura a exposición “Os retratos cos avós” na Casa da Cultura

Inauguración da mostra
A Concellería de Servizos Sociais que dirixe Pilar Armada inaugurou na Casa da Cultura de San Ciprián a exposición “Os retratos cos avós”, unha mostra na que se amosan as mellores instantáneas tomadas na primeira edición da actividade co mesmo nome e que consistiu en que avós e netos sacasen fotografías xuntos. Aquel evento de encontro interxeracional incluírase no programa complementario ao Día do Xubilado titulado “Maio dos avós” e “tivera moi boa acollida” asegura Armada.
A mostra xa está aberta ao público, e no acto de inauguración estiveron o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, os edís Pilar Armada e José Ramón Soto, e varios dos retratados. A exposición poderase visitar de luns a venres de 9:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas ata o 18 de xuño.
Cabe lembrar tamén que os protagonistas das imaxes recibirán as súas fotografías impresas. Ademais, as instantáneas tamén se amosaron na terceira edición do Un, dous, tres, responda outra vez e nas redes sociais do Concello. “Esta actividade foi moi emotiva xa que reunimos a netos e avós nun momento especial que ademais poden lembrar cada vez que miren as súas fotografías” asegura Armada.
O programa “Maio dos avós” terá o seu punto e final coa excursión á Semana Verde de Silleda na que se inscribiron xa case 30 xubilados e que terá lugar o día 14 de xuño durante todo o día.











