Sarabela Teatro volve a Monforte con “Viaxe a Ningunha Parte”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalMonforte de Lemos
A-
A+

21062013-15O próximo venres día 28 de xuño ás 22:00 h. no Edificio Multiusos, e dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, Sarabela Teatro porá en escena “Viaxe a Ningunha Parte”.

Trátase dunha magnífica obra narrativa contada maxistralmente por Fernando Fernán Gómez e que a compañía Sarabela adapta ó teatro con auténtica paixón.

É a historia duns “cómicos da legua” que vivían na España de hai unhas décadas e que percorrían camiños poeirentos ateigados de pobreza, co obxectivo de levar un sorriso, un respiro ás penurias dunha poboación gris, marcada pola miseria e a fame.

O cine ambulante estaba acabando cunha das profesións máis entrañables, onde os cómicos eran vistos con desprezo polo resto da sociedade, pouco máis ca xente vagabunda de baixa moral e tendente á vida libertina. Estes actores e actrices guindábanse á intemperie a representar as súas función ambulantes, obras dos irmáns Quintero, de Buero Vallejo ou de Calderón de la Barca, entre outros.

Os personaxes son moi humanos, anti-heroes, cos seus medos moi ben definidos, pero cunha vitalidade extraordinaria, pobres xentes que cren que por riba de todo hai que vivir a vida que a cada quen lle tocou coa maior dignidade como “principal forza que move a terra” e a maior alegría posible, alegría que se filtra nas escenas cun humor excelente.

A montaxe de Sarabela Teatro mereceu tres recoñecementos nos premios María Casares, os de mellor adaptación-tradución, mellor vestiario e mellor maquillaxe.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de catro euros. O prezo de entrada para estudantes, parados e xubilados será de dous euros.

23 de xuño de 2013 | 16:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.