San Sadurniño convoca un pleno extraordinario para debater o apoio á folga comarcal do día 12

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+

Para este luns día 12 ás sete e media do serán está convocado un pleno extraordinario que comprende na orde do día dous únicos puntos. Por unha banda someterase á aprobación da Corporación a acta da sesión anterior e, pola outra, debaterase unha declaración institucional de apoio á folga comarcal do día 12 de xuño

CC.OO., a CIG, UGT-Galicia e a USTG convocaron un paro en toda a comarca en protesta pola situación socioeconómica que viven os concellos de Ferrolterra. O desemprego e a falta de carga de traballo para o naval son os dous principais aspectos que fundamentan este chamamento. 

O Concello de San Sadurniño sumarase á folga se prospera o documento institucional que o equipo de goberno leva ao pleno do luns. De feito ese será o único contido da sesión -á parte da aprobación da última acta- polo que se prevé que sexa breve e que o debate se centre nas posibles modificacións ao texto que queiran introducir os partidos da oposición.

De acordo co contido do pleno, o equipo de goberno proporá a través do seu grupo municipal que o importe por asistencia dos oito edís que a perciben se destine á partida de gasto social do Concello.

7 de xuño de 2013 | 17:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.