San Sadurniño clausura este sábado as súas escolas culturais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+

O lugar é a casa da Cultura. A hora as seis da tarde. As escolas culturais municipais mostrarán o que levan aprendido este curso pero tamén o que levan mellorado con respecto ao ano pasado. E é que para moitas persoas inscritas nas escolas esta xa será a súa segunda actuación. En total subirán ao escenario máis de 70 artistas, que estarán acompañados polos alumnos e alumnas de baile moderno da asociación Brío.

Practicamente todos os obradoiros culturais comezaron no mes de outubro e todos eles están relacionados coa música. De feito, ao abeiro das escolas lograron crearse polo menos catro formacións vocais e instrumentais. 

En San Sadurniño e en Lamas houbo cadansúa escola de música vocal e os alumnos -30 en total- xa acudiron a numerosas citas nas que se puido aprezar o seu bo facer coral.

Por outra banda, a escola de música tradicional ten algúns compoñentes máis: 18 nas clases de gaita e 21 nas de pandeireta. Nunha e noutra combínanse distintas idades -xuntáronse alumnos e alumnas desde os cinco até case os 80 anos- e tamén distintas fases de aprendizaxe. Así, en pandeireta hai tres grupos mentres que en gaita as sesións tiveron que dividirse este ano en iniciación e perfeccionamento. Estas escolas organízanse coa colaboración da Asociación de Veciños O Castelo e a UDC Narahío, quen ceden o seu local para o desenvolvemento das actividades.

Igual que no caso das corais de Lamas e San Sadurniño, a xente da pandeireta e da gaita tamén actuou en varias ocasións -unha das últimas o día das Letras Galegas- e volverán facelo o próximo 6 de xullo abrindo o XX Festival do Río Castro.

A clausura das escolas municipais de cultura contará tamén coa actuación dos grupos de baile moderno da asociación Brío. Actualmente conta con tres grupos que participan desde hai catro anos en exhibicións e competicións. Quizais sexan quen teñen máis experiencia diante do público e nos últimos tempos lograron preparar un amplo repertorio coreográfico.

Brío, os gaiteiros, as pandeireteiras e as masas corais de San Sadurniño e Lamas actuarán na casa da Cultura este sábado, día 29, a partir das 18.00 h. A entrada é gratuíta.

27 de xuño de 2013 | 20:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.