San Sadurniño acolle o peche do proxecto europeo “Epic poetry and amor cortese”
Representantes de Turquía, Suecia e Galicia reuníronse hoxe en San Sadurniño para facer balance do proxecto Epic poetry and amor cortese, que se desenvolve desde hai dous anos no marco do programa europeo de aprendizaxe permanente para adultosLifelong learning programme, Grundtvig learning partnerships. Ademais das xuntanzas de traballo, as delegacións tamén aproveitaron para visitar o concello.
O obxectivo do proxecto que agora remata foi o de fomentar a mobilidade de persoas que seguen cursos de educación para adultos de cara ao coñecemento da realidade europea. Ademais tamén se desenvolveron actividades formativas que propicien a mobilidade de alumnos, como foron no caso de San Sadurniño os cursos de inglés. O pano de fondo do proxecto foi a poesía épica e de amor cortés, un elemento común na cultura europea desde a Idade Media até o século XX.
Dentro do proxecto houbo tres encontros internacionais: o de posta en marcha -celebrado en San Sadurniño en novembro de 2011- e dous de intercambio, un en Suecia e outro en Turquía, aos que asistiron tanto representantes municipais como un total de 35 veciños e veciñas que participaron nos cursos adscritos á iniciativa.
Estes días representantes de Galicia, Turquía e Suecia ultiman os documentos de xustificación de todas as actividades así como a memoria e as principais conclusións dun proxecto orientado ao intercambio de experiencias, prácticas e métodos para mellorar o coñecemento da cultura europea. San Sadurniño foi o impulsor de Epic poetry and amor cortese en 2011, cun orzamento de 17.000 euros financiados na súa totalidade polos fondos educativos da Unión Europea.
A esta última cita do proxecto acudiron catro representantes da vila turca de Kirşehir e tres da sueca de Fornsby, quen aproveitaron a visita para coñecer o traballo que desenvolve o Concello en distintos ámbitos. Ademais, tamén se achegaron ao colexio público, ao pazo da marquesa e a algúns dos puntos con maior atractivo turístico do municipio.











