Rodríguez reúneuse con hosteleiros e responsables de aloxamentos turísticos para planificar accións promocionais con motivo da “Vuelta a España”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal
A-
A+

O concelleiro de Turismo, José Antonio Rodríguez, e persoal da súa concellería mantiveron unha xuntanza con hosteleiros de proximidade as rutas xacobeas e responsables de aloxamentos turísticos de Lalín para avanzar en diversos aspectos de difusión e dinamización destes establecementos no verán e con motivo da saída da Vuelta Ciclista 2013 dende Lalín o martes 27 de agosto e así aproveitar todo o potencial e as oportunidades que xerará este importante evento dinamizador ao seu paso por Lalín.

No encontro no que participaron ao redor dunha decea de representantes de establecementos do sector, José Antonio Rodríguez, expúxolles que o seu departamento está a elaborar “un paquete turísitico con aloxamentos, xantar e actividades para os días en que a Vuelta Ciclista a España recale en Lalín”.

Rodríguez pediu aos hosteleiros que “remitisen á Concellería de Turismo as súas propostas de prezos e servizos para incorporalos ao paquete e con elo poder aproveitar os moitos visitantes que eses días pasarán por aquí”. “É a forma de estender o potencial dinamizador da volta a toda a hostalería, xa que os grandes establecementos de hospedaxe estarán cunha ocupación moi alta neses días co persoal de montaxe volta”.

Unha vez se recompilen todas as ofertas e propostas dos hostelerios e aloxamentos, “elaboraremos un paquete para colocar na páxina web e ofrecela aos operadores turísticos virtuais da rede”. Unha inicativa que “foi ben recibida polo sector”.

Rodríguez tamén abordou ademais a importancia de que por Lalín discorran dous Camiños de Santiago, a Vía da Prata e o Camiño de Inverno, Camiño sobre o “que se procederá a mellorar no treito que atravesa o municpio, delimitando o trazado”. O edil adiantou que se colocarán tres paneis de madeira en diversos puntos do casco urbano no que se amosará o trazado e se ubicarán os diversos servizos, locais de hostelería, hospedaxe, etc, “para que os peregrinos poidan ir ubicando os servizos que precisen”. A difusión dos dous camiños, as súas rutas e os servizos dispoñibles recolleranse tamén na páxina web de turismo para facilitar o acceso a ela para os moitos peregrinos que utilizan a rede para conseguir información sobre as rutas xacobeas, zonas onde xantar ou pernoctar”.

José Antonio Rodríguez resaltou que “no ano pasado pasaron por Lalín facendo o Camiño de Santiago máis de 9.000 peregrinos, que supuxeron preto de 2.400 pernoctacións de peregrinos no albergue da Laxe”. Neste albergue municipal rexistráronse, por meses, as seguintes estancias: xaneiro, 19; febreiro, 44; marzo, 71; abril, 325; maio, 355; xuño, 312; xullo, 372; agosto, 346; setembro, 218; outubro, 215; novembro 67 e decembro 39.

“Segundo os datos dispoñibles ata finais de maio -puntualizou- o albergue da Laxe recibira 626 personas, cifra considerable, e que vai medrando a cada ano que pasa. UN caudal de xente que debemos aproveitar”, aclarou o concelleiro.

Concelleiro, hosteleiros e responsables de aloxamento tamén analizaron outros temas de interese para o sector.

29 de xuño de 2013 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.