Rey Varela trasladará a Madrid e Bruxelas o clamor da cidadanía ferrolana expresado na mobilización de onte polas rúas da cidade
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, reiterou hoxe o seu sentimento de fonda preocupación ante a situación do sector naval e insistiu en que comprende a pacífica mobilización que tivo lugar onte nas rúas da cidade. “Como ferrolán sinto o mesmo sentimento que todos os que onte se mobilizaron e os que non; e que é a mesma decepción que levamos sentindo nos últimos 30 anos no que atinxe á situación do naval”.
O rexedor municipal manifestou a súa “conmoción” pola situación que está a vivir a cidade e agradeceu o “civismo e comportamento da mobilización”. Ademais, explicou que “teño a responsabilidade de trasladar o clamor dunha cidade e comarca que pide traballo”. Neste sentido, sinalou que xa se enviaron as solicitudes de entrevista cos grupos parlamentarios en Madrid e a carta esixindo respostas ao Comisario de Competencia da Unión Europea, Joaquín Almunia, tal e como se acordou o pasado luns na Mancomunidade.
Por último, Rey Varela manifestou que “seguirei defendendo o clamor expresado onte nas rúas de Ferrol ante todos os partidos, especialmente ante o meu, que é o que ten responsabilidades de goberno en Madrid”.











