Rey Varela asina un convenio coa asociación de ex alcohólicos para o desenvolvemento dun proxecto de sensibilización e prevención
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, asinou esta mañá un convenio de colaboración co presidente da Asociación de Ex Alcohólicos de Ferrolterra, José Ruzo López, para a realización do proxecto Sensibilización, e prevención sobre o alcoholismo. O primeiro edil da cidade subliñou que o acordo de cooperación establece “accións coordinadas co fin de reducir, na medida do posible, a problemática ocasionada polo consumo de alcohol e outras drogas na cidade de Ferrol mediante a realización de diferentes accións preventivas”. O acto de sinatura tamén estivo presente a concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro.
Neste sentido, e ao abeiro deste convenio levaranse a cabo diferentes actividades no marco do programa preventivo da Asociación de Ex Alcohólicos Ferrolterra, como son o tratamento de adiccións ao alcohol, tabaco e ludopatía ou a realización de terapias de grupo, de parella ou familiares. Así mesmo, a colaboración municipal servirá para financiar a edición do boletín informativo da entidade, a organización de conferencias de sensibilización nos centros educativos municipais ou a celebración da xornada “24 horas sen alcohol”. O rexedor municipal sinalou que “esta iniciativa está enmarcada nas políticas da área de Benestar Social do Goberno Municipal que presido”. A Administración Local contribuirá a este proxecto de sensibilización e prevención sobre o alcoholismo coa cantidade de 8.000 euros.
A Asociación de Ex Alcohólicos de Ferrolterra foi constituída no ano 1973 como unha entidade social sen ánimo de lucro que presta servizos para o tratamento de adiccións a bebidas alcohólicas, entre outros trastornos adictivos. No que vai de ano, 155 persoas acudiron por primeira vez para iniciar un tratamento que “ten unha duración media de dous anos” explicou José Ruzo. Respecto ao perfil dos usuarios, o presidente da entidade indicou que os pacientes maioritarios teñen unha idade media de 39 anos e os homes seguen a ser a maioría.











