Reunión cos veciños e comerciantes da rúa Curros Enríquez
O alcalde do Carballiño manterá unha reunión a próxima semana cos veciños e os comerciantes da rúa Curros Enríquez. En concreto Argimiro Marnotes está a convocar aos comerciantes e locais da citada rúa para o próximo luns, 10 de xuño, ás 20:30 horas, no salón de plenos. Durante esta reunión o alcalde expoñerá aos comerciantes e propietarios de locais desa rúa o proxecto de peatonalizar parte desta, en concreto o primeiro tramo.
Argimiro Marnotes sinalaba do positivo que pode ser esta peatonalización pero sempre queremos contar cos primeiros afectados, cos veciños e comerciantes,”. O alcalde conta xa con informes da Policía Local relativos ao que supoñería o cambio do tráfico rodado nesa zona, que lles serán expostos aos comerciantes e propietarios na devandita reunión.
Tamén están a convocar dende o concello, aos veciños desa rúa, para unha reunión sobre o mesmo tema ao día seguinte, o martes 11 de xuño, ás 20:00horas “queremos escoitar a todos os veciños da zona, eles son os que deben decidir se lles interesa ou non esa peatonalización, na que se contemplaría todos os accesos para residentes e demais aspectos que supoñan a menor molestia para o día a día”.
Durante as dúas reunións o alcalde escoitará tamén os asistentes, “xa que eles poden achegarnos ideas ou fórmulas que a nós dende o concello nos escapan. Por iso é importante que acudan todos ou a maioría dos residentes e propietarios da zona”.











