Remata o prazo de solicitudes para o programa de Termalismo Saudable 2013

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseProvincias
A-
A+

Mañá venres 7 de xuño remata o prazo de presentación de solicitudes para o Programa de Termalismo Saudable 2013 da Deputación de Ourense. Os usuarios que queiran beneficiarse deste programa poden presentar a súa solicitude a través da plataforma informática http://termalismo.depourense.es, ben de xeito particular ou ben acudindo aos departamentos de servizos sociais dos concellos da provincia de Ourense ou á Área de Benestar da Deputación de Ourense.

O Programa Termalismo Saudable 2013 inclúe dúas modalidades, a primeira contempla estancias de 6 días /5 noites en establecementos balnearios da provincia en habitación dobre en réxime de pensión completa, cun exame médico inicial para adaptar os tratamentos termais ás características de cada persoa. A segunda modalidade consiste en dez técnicas balnearias, sen estancia no establecemento, en quendas de cinco días consecutivos e a revisión médica previa. Os establecementos balnearios nos que poderán realizarse os programas son: Balneario- Hotel Baños de Molgas, Gran Balneario do Carballiño, Balneario Arnoia Caldaria, Balneario Laias Caldaria e Balneario Lobios Caldaria.

Os requisitos que teñen que cumprir os interesados son: ter máis de 50 anos, estar empadroados nalgún concello da provincia de Ourense, non padecer ningunha enfermidade que o impida para unha convivencia normal nos balnearios, así como ter capacidade para as actividades da vida diaria. De todos modos, cabe recordar, que as persoas que non cumpran estes requisitos poderán beneficiarse sempre e cando formulen a solicitude como acompañante de alguén que si cumpra os requisitos esixidos.

6 de xuño de 2013 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.