Remata o curso escolar cun roteiro Castelao
O Concello de Pontevedra segue a ofrecer visitas guiadas pola Pontevedra máis vencellada a Castelao, co obxecto de ligar o uso da lingua galega aos espazos urbanos da cidade, recuperar e difundir a memoria histórica inserida no contorno xeral da historia de Galicia e
dinamizar os usos orais da lingua galega no ámbito urbano.
Este venres día 21 de xuño, coincidindo co remate do curso escolar, realizará a ruta un numeroso grupo de 70 alumnos/as de Eso e Bacharelato do IES de Barro (Pontevedra), que sairán da praza da Ferraría ás 9 horas.
O percorrido inclúe unha visita á Sala Castelao do Museo de Pontevedra e ao edificio modernista da Fundación Caixa Galicia, onde se situaba o Café Moderno.











