Recollidos case 10.000 quilos de plástico agrícola en Monforte
Antonino Luaces, concelleiro de Medio Ambiente, informa que na recollida de plásticos agrícolas realizada o pasado luns día 27 de maio recolléronse un total de 9.980 kg. deste material.
Respecto ós anos 2011 e 2012, o volume total de recollida incrementouse en máis de 2.000 kg. No ano 2011 recolléranse 7.840 kg. e no 2012, 7.800 kg.
Para Antonino Luaces o incremento rexistrado este ano débese a unha maior concienciación dos labregos e gandeiros, xa que este servizo vense prestando de maneira continuada dende o ano 2008, motivo polo que aproveitaron anteriores recollidas para desfacerse do plástico que tiñan acumulado nas súas instalacións.
O concelleiro agarda qué, tal e como ven sucedendo nos derradeiros anos, a correcta eliminación de plástico agrícola incremente notablemente estas cifras ata fins de ano, xa que os labregos e gandeiros que non desexan agardar ata a próxima recollida acostuman levar este material ata o punto limpo.
As datas elixidas para efectuar a recollida de plástico agrícola coinciden coas épocas nas que os gandeiros e labregos necesitan desfacerse dun gran volume de plásticos, procedentes básicamente do ensilado de herba.
Dende a concellería de Medio Ambiente lémbrase que non se poden eliminar este tipo de plásticos depositándoos nos contenedores destinados a uso doméstico e que, no caso de resultar necesaria a súa eliminación deben achegarse ó punto limpo municipal os luns, mércores e venres en horario de mañá e tarde.
Antonino Luaces agradece a colaboración dos labregos e gandeiros para eliminar correctamente este tipo de residuos, así como a dos pedáneos dándolle difusión a esta recollida.
O concelleiro destaca o elevado beneficio medioambiental que se logra con esta recollida, sinalando que para darse conta do mesmo basta con imaxinar que sucedería con estas toneladas de plástico agrícola se o Concello non puxera en marcha esta iniciativa.
Antonino Luaces manifesta que a intención da súa concellería é volver realizar unha nova recollida no mes de maio do vindeiro ano, sempre e cando a Consellería de Medio Ambiente autorice os puntos de recollida.











