Quince establecementos teenses participan non primeiro concurso de tapas do Concello de Teo
Esta mañá presentouse no Concello Tapas Teo, o concurso de tapas que comeza o próximo venres 21 de xuño e no que participan quince establecementos de hostalaría do municipio. O edil de emprego, Anxo Rei, estivo acompañado do presidente da Asociación Hostelería Compostela, na que están integrados establecementos de Teo e varios representantes de bares e restaurantes teenses.
Rei explicou que se pon en marcha esta iniciativa coa intención de colaborar e apoiar a este sector “nun momento económico moi complicado”. O concelleiro destacou que esta é unha proposta que está funcionando moi ben noutros lugares e que “agardamos que en Teo tamén funcione”. O concurso comezará o 21 de xuño e rematará 30 do mesmo mes. Durante eses días os quince bares e restaurantes ofertarán cada un unha tapa concreta ó mediodía, de 13:00 a 16:00 horas e pola noite entre as 20:00 e as 24:00 horas. O prezo da tapa é de 1,5 euros. As persoas que as proben deberán ir selando un pasaporte que se pode recoller en calquera dos locais participantes ou no propio Concello. As persoas que cubran o pasaporte cos quince selos participarán nun sorteo de tres premios, o primeiro unha fin de semana para dúas persoas nunha casa de turismo rural e o segundo e terceiro unha cea para dúas persoas nalgún dos establecementos adheridos ó Tapas Teo. Ó finalizar o concurso tamén se descubrirá cal é a tapa gañadora cos votos das persoas que participen que terán unha ficha en cada establecemento para valorar a tapa.
Segundo explicou o presidente da Asociación Hostelería Compostela, Jesús Sordo, dende o punto de vista gastronómico preséntase “unha moi variada oferta na que quince cociñeiros e cociñeiras usan un importante número de produtos e presentan tapas de dieta atlántica cunha gran presencia de verduras, carne, peixe e marisco”.
No deseño deste concurso acordouse establecer tres rutas nas que se enmarcan os establecementos por proximidade. Na ruta 1, Calo, están os locais da N-550. A ruta 2 é a da Ramallosa-Pontevea e a ruta 3 Cacheiras-Montouto.
No primeiro concurso Tapas Teo participan os seguintes establecementos: Parrillada Bariloche, Parrillada As Brasas, Mesón Novo Peteiro, Bar A Capilla, Bar Chila Café, Restaurante Cierto Blanco, Restaurante San Martiño, Restaurante Taberna Riveiro, Parrillada Niño do Paizoco, Bar Taberna Mella, Bar A Senra, Mesón Casa Pernas, Restaurante Pórtico, Restaurante Canaletto e Cafetería Maradentro.











