Probas para a obtención do título de graduado en ESO no 2013
O departamento de Educación Familiar do Concello de Verín, dentro do proxecto de redución do abandono escolar, encárgase da tramitación para asistir a segunda convocatoria das probas destinadas a obtención do título de graduado en educación secundaria no ano 2013.
Poderán participar nestas probas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
– Ter cumpridos os dezaoito anos o día anterior á data de realización da proba.
– Non estaren en posesión do título de graduado en educación secundaria ou de calquera outro declarado equivalente para efectos académicos.
– Non estaren inscritas para a superación das materias de 4º curso de educación secundaria obrigatoria establecidas no artigo 7, punto 5º da Orde do 21 de decembro de 2007 (DOG do 7 de xaneiro de 2008).
– Non estaren matriculadas de forma oficial nas ensinanzas de educación secundaria ordinaria, na educación secundaria para persoas adultas ou no segundo curso dun programa de cualificación profesional inicial.
O alumnado da educación secundaria para persoas adultas durante o curso 2012/2013 poderá participar nas probas se presenta a renuncia ao dereito a ser avaliado pola matrícula oficial ante a dirección do centro en que estea matriculado. A renuncia realizarase con anterioridade á presentación da solicitude de inscrición nas probas libres e xuntarase á folla de inscrición unha copia da devandita renuncia.
As persoas matriculadas para a primeira convocatoria destas probas que non superaron a totalidade dos ámbitos das mesmas, consideraranse matriculadas para a segunda convocatoria sen que teñan que presentar nova documentación.
A solicitude de inscrición dos/as interesados/as axustarase ao modelo que figura no anexo I da resolución e presentarase na secretaría dun único centro dos mencionados coa seguinte documentación:
– Fotocopia do DNI ou pasaporte, ou doutro documento equivalente.
– Solicitude, se procede, de exención de lingua galega. Nese caso, o/a aspirante achegará o anexo II.
– As persoas que soliciten o recoñecemento de necesidades especiais deberán entregar o anexo IV. Xuntarán a autorización para a consulta do ditame de discapacidade no caso de que esta fose recoñecida polo órgano competente da Xunta de Galicia. Cando o ditame fose emitido por outra Administración, xuntarase unha certificación do ditame da discapacidade.
– Copia compulsada, se procede, do certificado dos ámbitos da proba superados en anteriores convocatorias ou a certificación académica de ámbitos ou materias superados.
A tramitación para a segunda convocatoria destas probas debe realizar, do 01 ao 08 de xullo, no departamento de Educación Familiar do Concello de Verín (Casa da Xuventude. Avda. de Portugal 11 bis).











