Preto de 90 embarcacións participan esta fin de semana na IV Regata de Vela Lixeira Ría de Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaFerrolLocal
A-
A+

A concelleira de Deportes do Concello de Ferrol, Susana Martínez Galdós, presentou hoxe a IV Regata de Vela Lixeira Ría de Ferrol que se celebrará os días 22 e 23 de xuño na cidade. A edil estivo acompañada polo delegado da sección de Vela Lixeira do Grupo Bazán, Alfredo Fernández Soto.

Ao redor de 90 embarcacións das clases Optimis A, B, C, Láser 4.7, Láser Standard e Láser Radical participarán esta fin de semana nesta regata multiclase. Os participantes, con idades comprendidas entres o 8 e 14 anos, procederán de Clubs Náuticos de Canido, Vigo, Sada, Sada, Corcubión, A Coruña, Ares e Corcubión, sen esquecer ao Club Náutico Grupo Bazán e aos regatistas de Póvoa do Varzim (Portugal). A edil de Deportes manifestou “que estes eventos garanten un beneficio económico para a nosa cidade sobre todo para a industria hostaleira” e quixo agradecer ao Grupo Bazán a organización desta nova edición “dunha regata que xa é un clásico”. Pola súa banda, o delegado da sección de Vela Lixeira do Grupo Bazán, Alfredo Fernández, sinalou que este ano “o tema económica fai mella na participación”

Esta cuarta edición da Regata de Vela Lixeira Ría de Ferrol conta coa catalogación de regata de nivel autonómico, por parte da Federación Galega, tanto pola cantidade de participantes como pola calidade dos mesmos e a participación en todas as edicións dalgún club portugués. O evento organizado pola sección de Vela Lixeira do Grupo Bazán conta co patrocinio da Concellería de Deportes do Concello de Ferrol.

17 de xuño de 2013 | 19:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.